Esta é a igrexa de San Miguel de Presqueiras, pequena, fermosa, sobria. No cemiterio anexo atópase o sartego do pintor Virxilio Blanco, un dos grandes da vangarda do século XX.
luns, 9 de decembro de 2013
domingo, 8 de decembro de 2013
IGREXA DE SAN XOÁN DE MEAVÍA (SOANE)
Esta é a igrexa parroquial de San Xoán de Meavía, de planta de salón e cuberta a dúas augas (contravindo a norma xeral nos templos de Forcarei, que son de cruz latina). Conserva, da primitiva igrexa, unha cruz antefixa e un cruceiro do século XVIII.
xoves, 5 de decembro de 2013
RÍO LÉREZ SILANDEIRO E SOMBRIZO
E de novo o río Lérez a carrexar esperanzas cara ó mar, aquí nun quedo salón, imaxe clara do acougo da natureza. As sombras semellan sombra das almas desacougadas e a cúpula de carballos e amieiros irmanda as augas co ceo.
LAGAR DE CERA NA CASANOVA (FORCAREI)
Este é o único lagar de cera que se conserva da pasada época en que Forcarei foi coñecido como A Borreira, por un oficio (mellor dito, dous) que se dedicaba á elaboración dos produtos das colmeas: a cera e o mel. Un oficio era o de cereiro propiamente dito, e outro era o de borreiro, o que recolectaba e castraba as colmeas para tirarlle eses produtos. Este consérvase na Casanova, onde aínda hoxe existe fábrica de candeas, cirios e exvotos de cera.
mércores, 4 de decembro de 2013
ESTATUA-HOMENAXE Á MULLER LABREGA EN FORCAREI
A estatua-homenaxe á muller labrega atópase na entrada sur da vila de Forcarei. Foi idea da Asociación de Amigos da Terra de Montes, que propuxo unha tetraloxía de esculturas para cada núcleo importante da Terra de Montes. Así, en Cerdedo promoveu o MONUMENTO Ó CANTEIRO, en Soutelo de Montes o MAPA EN PEDRA DA TERRA DE MONTES, en Beariz o MONUMENTO Ó EMIGRANTE e en Forcarei este que nos ocupa. Foi realizada polo escultor Magín Picallo por encargo do Concello de Forcarei, e inaugurouse no ano 2003, coa remodelación do acceso sur a Forcarei dende a estrada Silleda-Folgoso. A muller labrega merece todas as homenaxes que se lle poidan facer, porque foi nai e pai a un tempo nos días da emigración masiva, que por desgraza están volvendo.
martes, 3 de decembro de 2013
INTERIOR DE MUÍÑO EN ACIVEIRO
Este é o ben conservado interior dun muíño de Aciveiro na Ruta das Pontes do Lérez. A foto é de hai uns dez anos, polo tanto non sei se seguirá igual, pero daquela estaba practicamente coma cando se utilizaba. E non é doado atopalos así, porque as pezas de madeira son pouco resistentes ó paso do tempo.
luns, 2 de decembro de 2013
GROBAS, UNHA LENDA NO MEDIO DA SERRA
Grobas é unha
aldea abandonada que, como tal, esperta un gran interese etnográfico e
antropolóxico, alén da súa carballeira derramada nas abas do Candán e o seu
vedraño camiño lousado cara a Bustelos. Historicamente, foi lugar de acubillo
de partidas carlistas e de guerrilleiros antifranquistas como o popular
Foucellas. En tempos houbo explotacións de minas de volframio. O topónimo pertence
á parroquia de Millarada, na que aparecen outros dous topónimos menores
similares, Regueiro das Grobas e Costa das Grobas. É apelativo de moitos
lugares e montes de Galicia onde existen valgadas ou depresións que propiciaron
o vocábulo galego Groba, do gótico homógrafo Groba, “fondal, depresión”. Desta orixe tamén é o topónimo As
Encrobas. É un lugar cunha fonda nostalxia que evoca outra vida, anterior e vinculada coa terra coma ningunha.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)







