xoves, 26 de decembro de 2013

IGREXA DE SAN PEDRO DE QUINTILLÁN

Na parroquia de Quintillán atopamos numerosos cruceiros, entre os que destaca o coñecido como cruceiro das Procesións, barroco e moi historiado, que se ergue no adro da igrexa parroquial, e que xa publicamos aquí noutra ocasión. A igrexa conserva no seu interior varias imaxes do século XVI e unha pía bautismal do XIV. Son digna de mérito as capeliñas que se sitúan na cabeceira dalgúns sartegos do cemiterio parroquial, polo seu traballo de labra en pedra. Pola súa parte, o templo é de reducidas dimensións e ten unha fachada barroca rematada en espadana con dobre arcada peraltada que alberga as campás.
 

 

martes, 24 de decembro de 2013

HÓRREO EN QUINTELAS DE ABAIXO (DÚAS IGREXAS)

Este fermoso hórreo atópase en Quintelas de Abaixo, na parroquia de Dúas Igrexas. É curioso porque salva o desnivel existente no terreo a través de pés utilizados coma chanzos, de maior a menor, producindo un curioso efecto. Consérvase moi ben malia que se atopa nunha propiedade abandonada.

luns, 23 de decembro de 2013

ALVARIZA EN PRESQUEIRAS

Esta foto é de xa hai uns anos, polo que é posible que agora xa non se poida ver, comida pola maleza, esta alvariza que se vía dende a ponte nova da estrada que vai a San Marcos. Os lectores deste blog xa sabedes o que é unha alvariza, pois xa saiu nalgunha publicación anterior. Para os que non o saiban, cómpre dicir que eran edificacións para protexer as colmeas dos osos, que aínda andaban por estas terras a finais do século XIX.

domingo, 22 de decembro de 2013

CAMIÑO DA PONTE DE ANDÓN (ACIVEIRO)

Dúas novas vistas inéditas da Ponte de Andón. É un treito recuperado do vello camiño que levaba a Santiago e que era paso de peregrinos na Idade Media. O lousado foi reconstruído por un dos varios obradoiros municipais de emprego localizados no mosteiro de Aciveiro na pasada década. Hoxe pasan por alí a Ruta das Pontes do Lérez e o Roteiro do Candán.
 

 

martes, 17 de decembro de 2013

A PONTE DO CREGO OU DO FRADE (DÚAS IGREXAS)

É unha das tres pontes que atravesan o Lérez na parroquia de Dúas Igrexas, ademais da Ponte de Valiñas e da Ponte da Carballa. Na actualidade hai dúas pontes, pero aquí referímonos á máis antiga, que tampouco é a orixinal, senón a remodelación feita no século XVIII da primixenia, atribuída ó abade San Gonzalo das Penas de Aciveiro. Feita en perpiaño, posúe un só arco rebaixado que comeza no mesmo leito do río, duns oito metros de longo por dous e medio de ancho e catro de alto, e con varanda de cantería. Servía antigamente para que os veciños de Valiñas e Loureiro puideran chegar a pé enxoito ó núcleo central da parroquia, A Igrexa. O topónimo Frade provén do provenzal Fraire e do latín Fratre. Na Terra de Montes todos os topónimos vinculados ós  frades teñen que ver con actividades dos monxes de Aciveiro, coma Porto do Frade, na parroquia de Millarada. Ten dúas copliñas asociadas no folclore local: “A aldea de Loureiro / de lonxe parece vila / ten un caravel na entrada / e unha ponte na saída” “Aldeíña de Loureiro / aldea que todo o ten / o cruceiro, a ponte e o castro / e boas mozas tamén”. Está vinculada a ela unha lenda local que fala da ninfa Loureiriña, baixada do castro de Loureiro á ponte do Crego, onde se aparecía de cando en vez ós  viandantes.
 
 
 
 

luns, 16 de decembro de 2013

PONTE ROMÁNICA DE ANDÓN (ACIVEIRO)

É, xunto coa Ponte Gomaíl, a de máis beleza e grandiosidade no concello. Son as dúas, por outra parte, as únicas románicas. Atribúese a creación desta ponte ó abade Gonzalo das Penas, logo canonizado, a quen tamén se atribúe a Ponte do Crego ou do Frade na freguesía de Dúas Igrexas. Sitúase a poucos metros do lugar de Andón e érguese cun só arco, apuntado como corresponde ó tempo no que foi construída –primeira metade do século XV–, de oito metros de luz e cinco dende o leito do río. O ancho da calzada da ponte é de dous metros e medio por un longo de trinta metros. Fíxose de perpiaño nos basamentos, dovelas do arco e varandas, e o resto con lousa e anacos de cantería. Ten importancia tamén no mundo máxico como unha das poucas pontes sobre o Lérez escolleitas para os ritos hídricos, entre os cales destaca o do enxebramento, que equivalía no mundo das tradicións ó bautizo anticipado ou bautizo dos non-natos, cando se temía pola vida dos nascituri. Tamén se coñecía este ritual como “rito de quebra de sino”. No caso desta ponte aínda tiña maior predicamento por estar case a carón do mosteiro de Aciveiro e tamén por se dar a circunstancia de estar precedida no curso do río por sete muíños, cando o sete foi sempre un número crucial no mundo dos vellos ritos. Tamén servía, nese mundo máxico tradicional, para curar o mal de aire ou enganido dos rapaces que o padecían e mais o aire de cobra, lagarto e arañón, segundo recollido o etnólogo Fermín Bouza Brey. Está recollida con texto e imaxe na fermosa publicación “As Pontes do Lérez” de Antonio Rodríguez Fraiz e Agustín Portela Paz, editada pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia no ano 1987. A primeira fotografía é unha vista aérea, a segunda unha con néboa e a terceira unha de día claro de verán.