venres, 29 de novembro de 2013

CAPELA DO SANTO ANTONIO DE GARELLAS (MILLARADA)

Esta capela, que se atopa na carballeira de Garellas, data do ano 1668. Desa época data a meirande parte das igrexas parroquiais de Forcarei. Esta capeliña é unha das que mellor se conservan de todo o patrimonio que representa a arquitectura relixiosa do concello.




xoves, 28 de novembro de 2013

SEGUNDA ESTATUA NA HONRA DE AVELINO CACHAFEIRO EN SOUTELO DE MONTES

Esta segunda estatua conmemorativa da memoria de Avelino Cachafeiro (a outra era en compañía dos seus irmáns e pai no cuarteto da Praza dos Gaiteiros), esculpiuna o artista de Mos Marcos Escudero e foi inaugurada polo entón alcalde de Forcarei, David Raposeiras, en agosto do ano 2011. Sitúase na entrada do auditorio de Soutelo de Montes. Nesta foto, recortada contra as nubes, aparece de espaldas a garrida silueta do máis afamado gaiteiro da nosa historia.



ESTATUA DOS GAITEIROS EN SOUTELO DE MONTES

Esta estatua na honra do célebre cuarteto dos Gaiteiros de Soutelo foi esculpida polo artista uxiense (de Hío) Xoán Piñeiro Nogueira, por encargo dos emigrados de Forcarei e Soutelo en Venezuela. Foi inaugurada o mesmo día que se comezou a celebrar a Festa do Gaiteiro, agora interrompida, o 25 de outubro de 1980, acto ó que acudiu o presidente da Xunta preautonómica, José Quiroga Suárez e o entón conselleiro de Cultura, José Filgueira Valverde, ademais doutras autoridades entre as que se atopaba o alcalde de Forcarei, daquela Manuel Brea Porto. Na foto de abaixo pódese ver a grande concorrencia que orixinou o acto na Praza dos Gaiteiros de Soutelo.
 
 
 
 
 
 
 
 

mércores, 27 de novembro de 2013

MUÍÑO DE CUBO NA MÁMOA (CASTRELO)


Este muíño, cuxa tipoloxía é coñecida como "de cubo", está preto da Mámoa (Castrelo). Xa non funciona, pero segue sendo un raro exemplo desta clase de enxeños hidráulicos. Eu só coñezo outro exemplar en Forcarei, na parroquia de Aciveiro. A tipicidade destes muíños radicaba en que se servía da canalización da auga a través da parte superior, é dicir, a canle estaba máis arriba cá propia edificación do muíño. Son raros e son orixinais.
 

FONTE DO MOSTEIRO DE ACIVEIRO

A fonte do mosteiro de Aciveiro é un exemplo digno de admiración da destreza que tiñan os nosos canteiros á hora de aparellar as pedras. Sinxela, sen demasiado adorno, ofrece porén un aspecto de señorío e de solemnidade evidentes malia a súa austeridade. A condución da auga viña dun manancial que aínda existe hoxe a uns trescentos metros. A distancia salvábase por unha perfecta canle de pedra que a levaba dende o manancial ó mosteiro.
 

martes, 26 de novembro de 2013

OBRA TALLADA NO CEMITERIO DE QUINTILLÁN


Este panel pétreo que podemos ver na fotografía localízase no cemiterio de Quintillán. É obra do talento dos nosos mestres canteiros e talladores. Recortado contra o ceo, dá mostra do valor das obras de arte anónimas e ateigadas de habelencia co escoupro e co cicel.
 

luns, 25 de novembro de 2013

CAPELA DE NOSA SEÑORA DO CASTRO (SAN MIGUEL DE PRESQUEIRAS)

 
A capela de Nosa Señora do Castro foi erguida no século XVI, de fachada barroca, con fórnice na fachada que contén a imaxe da Virxe, rematando en típica espadana. Foi obra dos mestres Pedro de Arén, Xosé Nieto e Domingo Antonio Sieiro. Ten un pequeño altar plateresco de factura popular. Conserva tamén unha imaxe de madeira da Virxe do Castro, de estilo gótico, polícroma e duns cincuenta centímetros de altura. Esta capela é dous poucos restos en pé da antiga torre-fortaleza dos xuíces meiriños da Terra de Montes.
 
 




venres, 22 de novembro de 2013

COVIÑAS OU CAZOLETAS PRETO DA MÁMOA (CASTRELO)

As coviñas, chamadas tamén cazoletas ógmicas, son  redondeis de orixe prehistórica que aparecen nas pedras. Na mitoloxía popular atribúense ós Celtas e hai quen supón que é algún tipo de escritura que non se puido descifrar. Tamén se poderían ter usado para depositar nelas sangue ou vísceras de defuntos, porque suporían que por alí pasaba Ra montado na súa barca e levaba consigo as almas. Seguramente as dúas cousas serían posibles, porque hai redondeis máis grandes e outros de menor tamaño, e é evidente que se os orificios son pouco profundos, dificilmente puideron conter nada. Estas están preto da Eira dos Mouros, no lugar da Mámoa (Castrelo)
 
 

xoves, 21 de novembro de 2013

FREIXA DO COTELO (A PONTE - FORCAREI)

Dúas estacións en senllas fotografías, ateigadas de memoria, na freixa do muíño dos Chamosa. Un río manso que vén de discorrer en liña recta durante uns cento cincuenta metros para chegar á paraxe do Cotelo, remanso de paz.


mércores, 20 de novembro de 2013

CONGOSTRA EN LERCE (CASTRELO)

Esta congostra está en Lerce, na baixada dende a aldea ata o río Lérez. Forma parte dunha antiga verea que se atopa en malas condicións, pero que aínda así loce unha fermosa vista porque a paraxe, coa vexetación tan mesta, dálle un aire misterioso e nostálxico.
 
 

CASTRO DE LOUREIRO (DÚAS IGREXAS)

O chamado Coto do Castro é un dos xacementos arqueolóxicos máis interesantes de Forcarei. Está en Loureiro (Dúas Igrexas) e presenta unha forma perfecta para escavar, similar ó célebre castro de Viladonga en Lugo. O Castro de Loureiro é un xacemento datado aproximadamente no século VI a. C. (período Castrexo I segundo a clasificación de Maluquer de Motes), na transición entre a Idade do Bronce e a Idade de Ferro, cun recinto amurallado e cun complexo sistema de foxo-parapeto-foxo cara o NE. O seu foxo oscila entre os 13,5 metros (Oeste) e os 5-6 metros (Leste). Este castro pasa por ser o máis fecundo no que se refire á tradición oral de toda Galicia. Se acudimos ó arqueólogo Buenaventura Aparicio, que recolleu multitude de lendas vinculadas ós  castros e ás mámoas, obtemos varias interpretacións, en torno ó medio centenar, sobre este rico xacemento arqueolóxico, quizais o máis relevante de Forcarei e da Terra de Montes.
 

martes, 19 de novembro de 2013

IGREXA DE SANTA MARIÑA DE CASTRELO

A  igrexa de Santa Mariña de Castrelo é de mediano tamaño en relación con todas as demais da Terra de Montes. Non é das grandes, coma Forcarei ou Millarada, nin das que tan só semellan capelas, coma Pereira ou Ventoxo. Foi construída a finais do século XVI, cunha posterior restauración no ano 1752 efectuada polo canteiro Manuel Cadavid e o carpinteiro Salvador Lorenzo, ambos nativos da propia parroquia. É unha igrexa regular nas súas proporcións, de planta de cruz latina e presbiterio rectangular, con dúas capelas que abren senllos arcos formeiros, historiados e de medio punto, rematando a fachada en esvelta espadana de dous corpos. No cemiterio anexo á igrexa pódense ollar obras talladas por un dos mellores canteiros da Terra de Montes, Manuel López Barciela, nacido no Cotiño (Aciveiro) en 1868, así como sartegos de prodixiosa factura doutro bo artesán da pedra, Francisco Villaverde, mestre de cantería tamén nacido en Aciveiro no segundo terzo do século XVIII.


luns, 18 de novembro de 2013

IMAXE TALLADA DA VIRXE NA IGREXA DE MILLARADA

Esta imaxe do Corazón de María entre dúas columnas salomónicas e arco rebaixado ou escarzano, que se pode ollar fronte á ábsida da igrexa de San Amedio de Millarada, foi tallada polo escultor Manuel Doval Cadavid. É unha magnífica mostra da habelencia e destreza coa que traballaban os canteiros da Terra de Montes.
 
 

MUÍÑO DE BUGALLO NA PONTE (FORCAREI)

Esta paraxe, co muíño de Bugallo no centro, ten algo de máxico e nostálxico. A liña de vexetación marca os dominios do Lérez pouco antes de chegar ó Cotelo, e a herba medrada pon tamén da súa parte para embelecer o conxunto. Foi sacada no verán de 2003. Atópase entre a Ponte Maril e o muíño do Cotelo.

venres, 15 de novembro de 2013

OUTRA VOLTA NA PONTE VELLA DE ANDÓN (ACIVEIRO)

 
A vella Ponte de Andón pertence ó Románico tardío que se espallou pola nosta terra no século XV. Esta fotografía está tomada dende o centro da ponte, e deixa contemplar unha fermosa paraxe de prados, bidueiros e salgueiros por onde transcorren dúas rutas de sendeirismo que se cruzan: a ruta das Pontes do Lérez e a ruta do Candán. Paga a pena facer calquera das dúas ou as dúas cando se teña tempo. Dá gloria ver algunhas paisaxes ó longo do percorrido de calquera delas. Só por esta imaxe da Ponte de Andón xa pagaría a pena. 
 
 

xoves, 14 de novembro de 2013

ESTATUA DE HOMENAXE Ó GAITEIRO DE SOUTELO

Esta é a escultura de homenaxe a Avelino Cachafeiro que se localiza á entrada do Auditorio de Soutelo de Montes, obra do escultor Marcos Escudero, de Nigrán. Foi inaugurada polo alcalde David Raposeiras en agosto do ano 2011 (un dos seus últimos actos públicos, por desgraza)


mércores, 13 de novembro de 2013

RESTOS DO VREEIRO DO RIBEIRO A COMPOSTELA

Hais uns anos podíase ver, nunha parte da baixada á Ponte Gomaíl, restos do antigo Vreeiro que utilizaban os arrieiros do viño dende o Ribeiro ata Compostela. Hoxe xa non, pero polo menos déixovos que olledes esta fotografía onde aínda se poden apreciar as lousas en chapacuña conformando a vía.

INSCULTURA RUPESTRE NO MONTE PENIDE (DÚAS IGREXAS)

Esta inscultura é, moi probablemente, de orixe medieval, non máis antiga como se podería pensar. Foi fotografada por María José Troitiño López, de Quintelas de Arriba, que tamén confeccionou un traballo sobre ela para a revista Cotaredo nº 13, do ano 2010. Sitúase moi preto da estrada que vai a Silleda ó seu paso pola parroquia de Dúas Igrexas.
 
 
 
 

martes, 12 de novembro de 2013

RUTA DAS PONTES DO LÉREZ

A Ruta das Pontes do Lérez foi deseñada sobre o texto do libriño As Pontes do Lérez, de Antonio Rodríguez Fraiz e Agustín Portela Paz. Ten treitos dunha fermosura incomparable, coma este que discorre ó pé do Lérez na paraxe de Ponte Maril, á carón do campamento do mesmo nome.

luns, 11 de novembro de 2013

PONTE DAS BRAÑAS EN ACIVEIRO

As pontes son noivas do Lérez, unhas maiores e outras case pontellas, coma esta das Brañas, entre O Andón e O Forno, nunha paraxe fermosa onde tamén se poden ver uns pasos no río e varios muíños. Paga a pena visitala.

xoves, 7 de novembro de 2013

MUÍÑO DO VENTO EN TRASDOMONTE

A caída é fascinante. Debe ser un dos poucos muíños que verquen a auga a un cavorco, por iso recibe o poético nome de MUÍÑO DO VENTO. A sensación é autenticamente engaiolante. Está en Trasdomonte, na parroquia da Madanela. No municipio de Forcarei existen 276 muíños hidráulicos, dos que moi poucos na actualidade seguen moendo. Existen treitos do río Lérez nos que en pouco máis dun quilómetro de percorrido aparecen 17 muíños.

martes, 5 de novembro de 2013

TORRE DE ALARMA DA BARCIELA (CASTRELO)

¿Que agardas ti, vella torre ferida,
en tempos alleos,
en días perigosos e distantes,
de tempos baleiros,
con homes que destrúen a beleza,
en tempos feros,
torre de Castrelo, corazón de vixía,
agulla dos ventos?
 

PONTE GOMAÍL

PONTE GOMAÍL

Pedra viva, vella testemuña,
case humana a forza de bicar o tempo,
irmá das árbores,
pórtico do vento.

¡Cantas pegadas gardas,
cantas lembranzas dentro,
sempre lonxe do mundo
sempre da alma preto!

VEXETACIÓN DA TERRA DE MONTES

 
O acivro, planta que deu nome a dous dos topónimos de Forcarei, Aciveiro e Acivedo, un dos símbolos do Nadal. O amieiro, representante xunto co bidueiro da vexetación ripícola, e a árnica montana, un endemismo da Terra de Montes, socorrido para os hematomas e vinculado coa medicina tradicional e popular. Tres representantes por antonomasia da vexetación de noso.