Outras dúas fotos de alvarizas na Rochela (Aciveiro) e Rozados (Quintillán). A primeira case invisible pola mesta vexetación e a segunda no medio dun prado. Dúas fantasmas do pasado.
venres, 27 de decembro de 2013
xoves, 26 de decembro de 2013
IGREXA DE SAN PEDRO DE QUINTILLÁN
Na parroquia de Quintillán atopamos numerosos cruceiros, entre os que
destaca o coñecido como cruceiro das Procesións, barroco e moi historiado, que
se ergue no adro da igrexa parroquial, e que xa publicamos aquí noutra ocasión. A igrexa conserva no seu interior varias
imaxes do século XVI e unha pía bautismal do XIV. Son digna de mérito as
capeliñas que se sitúan na cabeceira dalgúns sartegos do cemiterio parroquial,
polo seu traballo de labra en pedra. Pola súa parte, o templo é de reducidas
dimensións e ten unha fachada barroca rematada en espadana con dobre arcada
peraltada que alberga as campás.
martes, 24 de decembro de 2013
HÓRREO EN QUINTELAS DE ABAIXO (DÚAS IGREXAS)
Este fermoso hórreo atópase en Quintelas de Abaixo, na parroquia de Dúas Igrexas. É curioso porque salva o desnivel existente no terreo a través de pés utilizados coma chanzos, de maior a menor, producindo un curioso efecto. Consérvase moi ben malia que se atopa nunha propiedade abandonada.
luns, 23 de decembro de 2013
ALVARIZA EN PRESQUEIRAS
Esta foto é de xa hai uns anos, polo que é posible que agora xa non se poida ver, comida pola maleza, esta alvariza que se vía dende a ponte nova da estrada que vai a San Marcos. Os lectores deste blog xa sabedes o que é unha alvariza, pois xa saiu nalgunha publicación anterior. Para os que non o saiban, cómpre dicir que eran edificacións para protexer as colmeas dos osos, que aínda andaban por estas terras a finais do século XIX.
domingo, 22 de decembro de 2013
CAMIÑO DA PONTE DE ANDÓN (ACIVEIRO)
Dúas novas vistas inéditas da Ponte de Andón. É un treito recuperado do vello camiño que levaba a Santiago e que era paso de peregrinos na Idade Media. O lousado foi reconstruído por un dos varios obradoiros municipais de emprego localizados no mosteiro de Aciveiro na pasada década. Hoxe pasan por alí a Ruta das Pontes do Lérez e o Roteiro do Candán.
mércores, 18 de decembro de 2013
martes, 17 de decembro de 2013
A PONTE DO CREGO OU DO FRADE (DÚAS IGREXAS)
É unha das tres pontes
que atravesan o Lérez na parroquia de Dúas Igrexas, ademais da Ponte de Valiñas
e da Ponte da Carballa. Na actualidade hai dúas pontes, pero aquí referímonos á
máis antiga, que tampouco é a orixinal, senón a remodelación feita no século
XVIII da primixenia, atribuída ó abade San Gonzalo das Penas de Aciveiro. Feita
en perpiaño, posúe un só arco rebaixado que comeza no mesmo leito do río, duns
oito metros de longo por dous e medio de ancho e catro de alto, e con varanda
de cantería. Servía antigamente para que os veciños de Valiñas e Loureiro
puideran chegar a pé enxoito ó núcleo
central da parroquia, A Igrexa. O topónimo Frade provén do provenzal Fraire e
do latín Fratre. Na Terra de Montes todos os topónimos vinculados ós frades teñen que ver con actividades dos
monxes de Aciveiro, coma Porto do Frade, na parroquia de Millarada. Ten dúas
copliñas asociadas no folclore local: “A
aldea de Loureiro / de lonxe parece vila / ten un caravel na entrada / e unha
ponte na saída” “Aldeíña de Loureiro / aldea que todo o ten / o cruceiro, a
ponte e o castro / e boas mozas tamén”. Está vinculada a ela unha
lenda local que fala da ninfa Loureiriña, baixada do castro de Loureiro á ponte
do Crego, onde se aparecía de cando en vez ós
viandantes.
luns, 16 de decembro de 2013
PONTE ROMÁNICA DE ANDÓN (ACIVEIRO)
É, xunto coa Ponte
Gomaíl, a de máis beleza e grandiosidade no concello. Son as dúas, por outra
parte, as únicas románicas. Atribúese a creación desta ponte ó abade Gonzalo
das Penas, logo canonizado, a quen tamén se atribúe a Ponte do Crego ou do
Frade na freguesía de Dúas Igrexas. Sitúase a poucos metros do lugar de Andón e
érguese cun só arco, apuntado como corresponde ó tempo no que foi construída
–primeira metade do século XV–, de oito metros de luz e cinco dende o leito do
río. O ancho da calzada da ponte é de dous metros e medio por un longo de
trinta metros. Fíxose de perpiaño nos basamentos, dovelas do arco e varandas, e
o resto con lousa e anacos de cantería. Ten importancia tamén no mundo máxico
como unha das poucas pontes sobre o Lérez escolleitas para os ritos hídricos,
entre os cales destaca o do enxebramento,
que equivalía no mundo das tradicións ó bautizo anticipado ou bautizo dos
non-natos, cando se temía pola vida dos nascituri.
Tamén se coñecía este ritual como “rito de quebra de sino”. No caso desta ponte
aínda tiña maior predicamento por estar case a carón do mosteiro de Aciveiro e
tamén por se dar a circunstancia de estar precedida no curso do río por sete
muíños, cando o sete foi sempre un número crucial no mundo dos vellos ritos.
Tamén servía, nese mundo máxico tradicional, para curar o mal de aire ou
enganido dos rapaces que o padecían e mais o aire de cobra, lagarto e arañón,
segundo recollido o etnólogo Fermín Bouza Brey. Está
recollida con texto e imaxe na fermosa publicación “As Pontes do Lérez” de
Antonio Rodríguez Fraiz e Agustín Portela Paz, editada pola Consellería de
Presidencia da Xunta de Galicia no ano 1987. A primeira fotografía é unha vista aérea, a segunda unha con néboa e a terceira unha de día claro de verán.
sábado, 14 de decembro de 2013
ALVARIZA EN PEREIRA
Onte situabamos a igrexa de San Bartolomeu de Pereira. Hoxe traemos aquí, da mesma parroquia, unha magnificamente conservada alvariza, a uns centos de metros da propia igrexa. Xa dixemos noutra ocasción que as alvarizas son edificacións que se usaron no pasado para que os osos, que aínda andaban pola nosa terra a finais do século XIX, non se achegasen ás colmeas. O mel da Terra de Montes era, e segue a ser, moi cotizado.
venres, 13 de decembro de 2013
IGREXA DE SAN BARTOLOMEU DE PEREIRA
A igrexa parroquial de Pereira, do século XVII, ofrece unha
fachada barroca, semellante, salvando as diferenzas de tamaño, á da igrexa de
Millarada. Está coroada por unha espadana cadrangular de tipo cisterciense e no
seu interior aínda garda unha pía bautismal románica do século XIII, decorada
con cruces latinas, flores de lis e figuras xeométricas. Consérvase tamén unha
imaxe barroca da Virxe, do século XVII. No cemiterio anexo pódense ollar tallas dos
mestres canteiros Manuel Villaverde Viéitez e Manuel López Barciela, os dous da
veciña parroquia de Aciveiro.
xoves, 12 de decembro de 2013
PASOS NO RÍO LÉREZ (ENTRE FORCAREI E ESPINDO)
Estes pasos sobre o río están entre Forcarei e Espindo, na parte de río que se atopa entre a Ponte e Dúas Igrexas. Era moi socorrido, cando non era moita a distancia entre ribeiras ou non había cartos nin tempo para fabricar unha ponte, espallar estas pedras que daban orixe ós pasos, tan ben afincadas no leito do río que se manteñen anos e anos, mesmo despois de grandes enchentes.
mércores, 11 de decembro de 2013
2º ANUARIO CULTURAL DE FORCAREI-TERRA DE MONTES METACIOS
Xa colleu forma definitiva o Segundo anuario cultural de Forcarei - Terra de Montes METACIOS. Quedades todos convidados á súa presentación o vindeiro 21 de decembro ás sete da tarde (19:00 h.) no Bar Restaurante Victoria de Forcarei. Todos levaredes gratuitamente un exemplar. Que non falte ninguén.
martes, 10 de decembro de 2013
NEVEIRAS DE FIXÓ (MILLARADA)
Esta é un dos exemplos que aínda quedan das antigas fábricas de xeo que, no territorio municipal
de Forcarei, pertencían ó mosteiro de Aciveiro, o Cabido de Santiago e a algún
particular autorizado. Tamén se coñecen, tanto en Forcarei coma noutros lugares
onde existían estes enxeños, como Neveiros. Constituíron unha das fontes máis
saneadas de ingresos do cenobio aciveirense. Situábanse en zonas umbrías da
Serra do Candán e doutros montes da comarca. Todos os mosteiros do Císter
posuían neveiras, polo menos para o seu consumo. No caso de Aciveiro había un
frecuente uso comercial que chegaba mesmo á Casa Real e que ocupaba a bastantes
veciños da contorna nesta actividade de produción e transporte, non só ata as
capitais provinciais do país galego senón ata a meseta. Segundo Rodríguez
Fraiz, debido á falta de documentos non podemos fixar con exactitude nin o
momento no que foron construídas nin o número exacto delas. Sábese que no ano
1682 tiña dúas neveiras da súa propiedade, pois así consta no Tumbo Grande. Existían
neveiras en Súapica, Fixó de Millarada, Fixó de Pardesoa e Lamasgalán. O caso
das neveiras non é, nin moito menos, un caso illado no tempo nin no espazo,
pois sábese que xa o home prehistórico amoreaba a carne procedente da caza en
covas de xeo, do que se deduce que coñecía xa as propiedades do frío na
conservación dos alimentos. Gregos e romanos aproveitaban tamén a neve das
montañas amoreándoa nunhas foxas forradas de palla e ramas e cubertas con herba
seca. Pero os que tiñan un método sorprendentemente similar ós que na nosa
terra se utilizaba no Antigo Réxime foron, curiosamente, os chinos, que
extraían os bloques acumulados durante o inverno e os envolvían en palla e
forraxe para utilizalos, despois, no verán. O uso da neve estendeuse, deste
xeito, polo mundo adiante para prolongar a vida da comida e enfriar a bebida, e
popularizáronse os chamados pozos de xeo, unha especie de cavidades escuras e
profundas onde se gardaba. Nos países fríos acostumaban a colleitar o xeo que
se formaba durante os meses máis duros en lagos e encoros, e almacenábase en
lugares apropiados ata o verán, cando se trasladaba para a súa venda en lugares
de climas máis cálidos. En América, a recolleita comercial do xeo iniciouse a
comezos do século XIX e, malia que é unha práctica que aínda segue vixente
nalgunhas localidades, comezou a declinar a comezos do XX polo temor de que a
auga do xeo así conservado contaminara os alimentos. Segundo Camilo Fernández
Cortizo, o período en que máis se incrementa a produción das neveiras dáse a
partir da segunda metade do século XVI, aventurando a posibilidade dunha
relación cun cambio climático –en concreto a coñecida como pequena idade
glacial–. Xérase unha actividade comercial sobre a produción de xeo que ten
como clientes principais o clero, os nobres e os altos funcionarios. A
explotación das neveiras requiría unha previa preparacion, que abranguía os
reparos necesarios das neveiras, a limpeza dos pozos e do alpendre, a compra de
palla, etc. Coas primeiras nevaradas iniciábase o “encerro” da neve despois de
ter sido convocados os “colleiteiros”, que eran gratificados con cartos e con
unha ou máis libras de tabaco. Carréxase a palla que se ía utilizar como
illante, e tamén a leña para se quentar durante os labores de encerro, que
durarían ó redor dunha semana. A xente que se recrutaba procedía na súa
meirande parte das parroquias próximas (Millarada, Dúas Igrexas, Madanela,
Ventoxo e Forcarei). Cifra Camilo Fernández Cortizo en 167 a media anual de
traballadores que movía a produción de neve. O período de encerro da neve soía
ir de primeiros de febreiro a comezos de xuño. Despois había que cortala, pois
loxicamente endurecera, e extraela do pozo mediante unna polea. Logo era
cargada en cabalerías ou en carros para ser levada ó seu punto de destino. Para
protexer a mercancía e paliar a perda utilizábanse mantas de la, peles e palla.
Con todo, as mermas eran importantes, dependendo das distancias e das
condicións climatolóxicas. Soían significar entre o trinta e o cincuenta por
cento do total. Para o ano 1633 temos datos indicativos de que a colleita de
neve lle supuxo ó Cabido de Santiago 2.002 reais, dos cales 705 foron para
pagar os portes. Os prezos da libra de neve en Santiago de Compostela pasaron
de seis reais no ano 1619 a 14 no ano 1772. A nosa zona, Terra de Montes, pasa
por ser a mediados do século XVIII a de maior concentración de neveiras de
Galicia. A produción é avaliada a mediados do século XVIII en 1.387 cargas, das
que 650 pertencerían ós dous pozos propiedade do Cabido de Santiago, 450 ó pozo
do mosteiro de Aciveiro, 37 ó do mosteiro de San Martiño Pinario, 150 ó do
colexio dos Xesuítas e 100 ó do particular don Gaspar Mosquera. No tema da
orixes, especúlase que os pozos do mosteiro de Aciveiro serían de construción
medieval, así como outros serían de factura posterior. O desinterese por seguir
coa produción de neve, debido ás considerables perdas ocasionadas por distintos
factores (decadencia do consumo, condicións climatolóxicas, etc) comeza a
finais do século XVIII.
MUÍÑO NO COTIÑO (ACIVEIRO)
Este é un dos exemplares de muíño hidráulico que aínda moía non hai moitos anos. Está preto da Ponte das Brañas e non moi afastado do lugar do Cotiño. Nel rodouse parte do docudrama "Amelia de Terra de Montes" do naturalista pontevedrés Federico de la Peña. Pódese ollar dende a ruta das Pontes do Lérez, precisamente dende onde foi tirada esta foto.
luns, 9 de decembro de 2013
IGREXA DE SAN MIGUEL DE PRESQUEIRAS
Esta é a igrexa de San Miguel de Presqueiras, pequena, fermosa, sobria. No cemiterio anexo atópase o sartego do pintor Virxilio Blanco, un dos grandes da vangarda do século XX.
domingo, 8 de decembro de 2013
IGREXA DE SAN XOÁN DE MEAVÍA (SOANE)
Esta é a igrexa parroquial de San Xoán de Meavía, de planta de salón e cuberta a dúas augas (contravindo a norma xeral nos templos de Forcarei, que son de cruz latina). Conserva, da primitiva igrexa, unha cruz antefixa e un cruceiro do século XVIII.
xoves, 5 de decembro de 2013
RÍO LÉREZ SILANDEIRO E SOMBRIZO
E de novo o río Lérez a carrexar esperanzas cara ó mar, aquí nun quedo salón, imaxe clara do acougo da natureza. As sombras semellan sombra das almas desacougadas e a cúpula de carballos e amieiros irmanda as augas co ceo.
LAGAR DE CERA NA CASANOVA (FORCAREI)
Este é o único lagar de cera que se conserva da pasada época en que Forcarei foi coñecido como A Borreira, por un oficio (mellor dito, dous) que se dedicaba á elaboración dos produtos das colmeas: a cera e o mel. Un oficio era o de cereiro propiamente dito, e outro era o de borreiro, o que recolectaba e castraba as colmeas para tirarlle eses produtos. Este consérvase na Casanova, onde aínda hoxe existe fábrica de candeas, cirios e exvotos de cera.
mércores, 4 de decembro de 2013
ESTATUA-HOMENAXE Á MULLER LABREGA EN FORCAREI
A estatua-homenaxe á muller labrega atópase na entrada sur da vila de Forcarei. Foi idea da Asociación de Amigos da Terra de Montes, que propuxo unha tetraloxía de esculturas para cada núcleo importante da Terra de Montes. Así, en Cerdedo promoveu o MONUMENTO Ó CANTEIRO, en Soutelo de Montes o MAPA EN PEDRA DA TERRA DE MONTES, en Beariz o MONUMENTO Ó EMIGRANTE e en Forcarei este que nos ocupa. Foi realizada polo escultor Magín Picallo por encargo do Concello de Forcarei, e inaugurouse no ano 2003, coa remodelación do acceso sur a Forcarei dende a estrada Silleda-Folgoso. A muller labrega merece todas as homenaxes que se lle poidan facer, porque foi nai e pai a un tempo nos días da emigración masiva, que por desgraza están volvendo.
martes, 3 de decembro de 2013
INTERIOR DE MUÍÑO EN ACIVEIRO
Este é o ben conservado interior dun muíño de Aciveiro na Ruta das Pontes do Lérez. A foto é de hai uns dez anos, polo tanto non sei se seguirá igual, pero daquela estaba practicamente coma cando se utilizaba. E non é doado atopalos así, porque as pezas de madeira son pouco resistentes ó paso do tempo.
luns, 2 de decembro de 2013
GROBAS, UNHA LENDA NO MEDIO DA SERRA
Grobas é unha
aldea abandonada que, como tal, esperta un gran interese etnográfico e
antropolóxico, alén da súa carballeira derramada nas abas do Candán e o seu
vedraño camiño lousado cara a Bustelos. Historicamente, foi lugar de acubillo
de partidas carlistas e de guerrilleiros antifranquistas como o popular
Foucellas. En tempos houbo explotacións de minas de volframio. O topónimo pertence
á parroquia de Millarada, na que aparecen outros dous topónimos menores
similares, Regueiro das Grobas e Costa das Grobas. É apelativo de moitos
lugares e montes de Galicia onde existen valgadas ou depresións que propiciaron
o vocábulo galego Groba, do gótico homógrafo Groba, “fondal, depresión”. Desta orixe tamén é o topónimo As
Encrobas. É un lugar cunha fonda nostalxia que evoca outra vida, anterior e vinculada coa terra coma ningunha.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)