mércores, 30 de outubro de 2013

HÓRREOS

Dous dos moitos exemplares de hórreos fermosamente esculpidos polos ciceis e os escoupros dos nosos canteiros, perfectamente afinados e prestos ó labor da pedra.


Hórreo no Cotiño (Aciveiro)
Hórreo na Barciela (Castrelo)
 

martes, 29 de outubro de 2013

MÁMOA EN CASTRELO

Esta si é unha mámoa, expoliada coma a meirande parte das que existen en Galicia (eu diría que case todas). Vemos na foto de abaixo o oco aberto na parte superior para penetrar nela. O proceso de expoliación masivo deuse nos séculos XVII-XVIII. Pensaban encontrar grandes tesouros, e na maioría atopaban só armas e enxovais. Por certo, estas da foto están no lugar coñecido precisamente como A Mámoa, na parroquia de Castrelo, onde se atopa o conxunto máis numeroso da Terra de Montes.


LAVADOIRO EN LIÑARES (CASTRELO)

¿A que semella unha construción neolítica? Pois non, é un sinxelo lavadoiro en Liñares (Castrelo), pero todos os que o ven comentan que semella unha caste de tumba de corredor.

luns, 28 de outubro de 2013

GASTRONOMÍA DA TERRA DE MONTES III



E, por se a alguén non lle vai a Richada e mais a galiña trufada, aquí temos un pouquiño de coello do monte e unha croquiña. Só falta un bo viño do ribeiro...

 

GASTRONOMÍA DA TERRA DE MONTES II

Seguimos na mesa...


Unha galiña trufada preparada en Quireza...


 

E para rematar, unha richadiña ó lume para degustar en Forcarei... á espera da sobremesa...

GASTRONOMÍA DA TERRA DE MONTES


¡ Que pratiños tan saborosos os da nosa terra, para degustar neste outono húmido e chuviñento !

De entrante, uns caracoliños da Graña de Umia...

 


A seguir, unha perdiciña cazada nos montes de Pardesoa...

venres, 25 de outubro de 2013

MÚSICA (II)

Camiñando coa música ou sentados con ela despois dun bo xantar nunha carballeira centenaria. A música serve a todos e a todas horas.
 
A Banda de Gaitas de Forcarei polas rúas de Soutelo de Montes en outubro de 2010

 
 

Dúas vellas glorias que xa non están entre nós: Ramiro, o capador de Muras coa gaita de fol verde e Maduro de Soutelo ó tamboril. Oito de setembro de 2009.

MÚSICA NOVA

Da man dos devanceiros, egrexios e claros embaixadores de Euterpe coma Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, Adelino Pichel, o Gaiteiro de Sorribas ou Manuel Cabada, o Gaiteiro de Seoane, veñen dándolle vida á nosa música as novas xeracións: a Banda de Música e a Banda de Gaitas de Forcarei. Longa vida...
 
 
 
 

xoves, 24 de outubro de 2013

RÍO LÉREZ, MUÍÑOS, VIDA...

O Lérez baixa lixeiro, cheo de vida, coa man do home nas súas beiras...


 
 
 
 
 
Vista aérea de muíño en Pereira

CRUCEIRO DE SAN PEDRO DE QUINTILLÁN

E velaquí o cruceiro, no adro parroquial de San Pedro de Quintillán. Merece a pena achegarse e velo in situ. Ten unha serie de elementos narrativos no fuste que o converten nun exemplar único en Forcarei e na Terra de Montes.
 
 

MUÍÑO E FREIXA EN QUINTILLÁN

Este muíño e esta freixa tamén están na parroquia de Quintillán. Os dous compoñen unha imaxe moi atractiva, ó pé da estrada que leva á aldea de Quintillán, onde tamén podemos ollar o cruceiro máis fermoso de todo o concello de Forcarei.
 
 

A CARBALLEIRA DO ABELAO

A carballeira do Abelao, na parroquia de Quintillán, é unha das máis mestas e extensas da provincia de Pontevedra. Hai uns anos estivo a piques de desaparecer por unha praga que deixou moitos carballos secos, pero hoxe está bastante recuperada. No seu chan abunda un manto de carriza que fai que un pense en ir pisando unha alfombra. É unha reserva fermosa e un pulmón para Forcarei. Na segunda fotografía vese ó fondo a aldea da Graña de Cabanelas. Están sacadas dende a estrada Forcarei - A Estrada, pouco antes de chegar ás Baiucas.
 
 
 
 

mércores, 23 de outubro de 2013

FESTAS, FEIRAS EN FORCAREI E TERRA DE MONTES (II)

FEIRA DO DÍA 5 NA PRAZA DA IGREXA DE FORCAREI VISTA DENDE O CAMPANARIO (ANO 2004)
FESTA DAS DORES DO ANO 2010


 

FESTA, FEIRAS EN FORCAREI E TERRA DE MONTES

Festas, feiras, celebracións todas de Forcarei e Terra de Montes, ocasións para gozarmos da tradición popular. As fotos foron feitas en distintos momentos e distintos anos da nosa historia recente.
 
BUDIÑO NA FESTA DO GAITEIRO DE SOUTELO DO ANO 2007



TORNEO DE CHAVE NO DÍA 8 DE ACIVEIRO DE 2009


 
 

 

luns, 21 de outubro de 2013

FEIRA Ó PÉ DO MOSTEIRO DE ACIVEIRO. ANO 1919.

 
Esta é unha foto das máis antigas que conseguín de Forcarei. Trátase dunha feira ó pé do mosteiro de Aciveiro do ano 1919 (cando aínda se celebraba esa feira, que se deixou de facer nos anos corenta). Sacouna un fotógrafo catalán, Pelai Más, nunha xira que fixo por Galicia. Gustáronlle tanto a feira e o mosteiro como para inmortalizalos e deixarnos esta marabillosa instantánea na que se pode ver o porche que tiña á entrada o mosteiro, que tamén foi retirado polos anos corenta do pasado século.
 

MUÍÑO DOS PENA EN TRASDOMONTE.

 
Muíño dos Pena en Trasdomonte, unha das máis fermosas estampas que se poden ver na Terra de Montes
 

xoves, 17 de outubro de 2013

CRUCEIRO DA BARCIELA EN CASTRELO

Imaxe do cruceiro parroquial de Castrelo, coa torre de alarma da Barciela ó fondo e os anexos á reitoral, que proceden da mesma época que a torre, en torno ó século XV.  Debaixo, unha vista do hórreo de madeira (unha rareza na Terra de Montes), apuntalado para que non caia, por mor do seu estado case ruinoso.
 
 
 
 

 

MUÍÑO NA ROCHELA

Preto da alvariza da Rochela podemos ollar este fermoso exemplar de muíño hidráulico, en pleno territorio da Serra do Candán, espazo protexido pola Rede Natura.


 
 

 
 
 

ALVARIZA DA ROCHELA (ACIVEIRO)

 
As Alvarizas, Apiarios ou Abellarizas eran construcións que tiñan como función evitar que o oso (cando aínda poboaba Galicia) entrase ás explotacións apícolas e destrozase as colmeas. Adoitaban ser circulares ou cadrangulares. Orientábanse ó nacente para recibir a luz do sol dende o albor ata o solpor. En Forcarei existen unha ducia delas espalladas polas parroquias, coma esta da Rochela. Lembro agora as de Rozados (Quintillán), Outeiro (San Miguel de Presqueiras) Quintelas (Dúas Igrexas), San Bartolomeu de Pereira, Chamosa e A Ponte (Forcarei). Esta da Rochela pódese ver na ruta de sendeirismo do Candán, e é unha das que mellor se conservan xunto coa de San Bartolomeu de Pereira.
 
 
 
 
 

mércores, 16 de outubro de 2013

O HOME QUE ENTERRABA KENNEDYS

 
 


Ángel Sieiro Roubín, o Roxo, veciño de Pardesoa que emigrou ós 15 anos ós Estados Unidos,  foi o artífice do panteón dos Kennedy no Arlington National Cemetery. Aquí podemos ollar un detalle do famosísimo monumento funerario da dinastía máis poderosa de Norteamérica.

A Eternal Flame na tumba de JFK, obra de Ángel Sieiro Roubín, o Roxo, emigrado de Pardesoa ós 15 anos





Abaixo, podemos ver a Ángel Sieiro saudando ó presidente Ronald Reagan

 

TRES ACORDEONISTAS DE FUSTE

Tres acordeonistas de luxo: Moncho, seu pai Adelino e Jesús de Cachomil. O encontro foi a finais dos anos oitenta.
 
 
Tres mestres do pentagrama
 

ADELINO PICHEL, O GAITEIRO DE SORRIBAS

Adelino Pichel, o Gaiteiro de Sorribas, de mozo a carón do seu cabalo, e tocando a gaita nos últimos anos da súa vida. Adelino foi gaiteiro por vocación e empresario por necesidade. El fundou o vello salón de baile Paraíso de Forcarei.

 
 

martes, 15 de outubro de 2013

VELLA ESCOLA GRADUADA DE FORCAREI

Detrás destas vellas paredes están os soños de moitas infancias. É a vella escola de Forcarei, derrubada para localizar no solar a Casa do Concello.



O ESCENARIO DOS LABORES DE ENSINO, A ESCOLA,  E O DE XOGOS, A PRAZA, PRETO UN DO OUTRO

FIANDO NO LIÑO

Esta fotografía de Manuel Barreiro é unha das máis representativas da nosa terra. Forcarei foi o derradeiro concello da provincia de Pontevedra onde se abandonou a industria doméstica do tecido. Aquí podemos ver varias mulleres de Forcarei fiando no liño en plena rúa do Progreso, aínda en terra. Podemos ver as rocas, os fusos e as mazarocas ou novelos. As fiadas eran, ademais dun labor ineludible, unha caste de relación social, coma as muiñadas ou os labores colectivos do agro. Tan fermosa e representativa a fotografía, que dende o Museo do Pobo Galego solicitaron ó autor que lles deixase incorporala como portada dun dos seus cadernos sobre os oficios, loxicamente o destinado a ilustrar sobre o tecido tradicional de Galicia. Eu tamén a escollín para a portada do meu libro "Forcarei. Historia Fotográfica do século XX".
 
 

FREIXAS DE FORCAREI

As freixas de Forcarei, case todas no río Lérez, son dunha beleza extraordinaria.

Salto non moi afastado da Ponte Gomaíl, entre Gaxín e Castrelo
Pozo Verde de Grobas (Millarada)
Freixa de Chamosa

 
 
 
Salto en San Miguel de Presqueiras



 



luns, 14 de outubro de 2013

O MÍTICO PACO FARRIA

 
 
O mítico Paco Farria, a quen Chano Piñeiro inmortalizou na curtametraxe máis sobranceira do cine galego, sacando a pucha da cabeza. Ó seu carón está o irmán do gaiteiro de Sorribas, Gumersindo Pichel, fumando en pipa. A foto debe debeu de ser tirada nos anos 50 do pasado século.
 
 
 
 
 
 
 

O VAL DO LÉREZ

O val do Lérez dende o alto do pico de Valiñas. Vense Quintelas, A Igrexa, Córneas, Rabadeiras e Forcarei.