venres, 27 de decembro de 2013

ALVARIZAS NA ROCHELA (ACIVEIRO) E ROZADOS (QUINTILLÁN)

Outras dúas fotos de alvarizas na Rochela (Aciveiro) e Rozados (Quintillán). A primeira case invisible pola mesta vexetación e a segunda no medio dun prado. Dúas fantasmas do pasado.
 

 

xoves, 26 de decembro de 2013

IGREXA DE SAN PEDRO DE QUINTILLÁN

Na parroquia de Quintillán atopamos numerosos cruceiros, entre os que destaca o coñecido como cruceiro das Procesións, barroco e moi historiado, que se ergue no adro da igrexa parroquial, e que xa publicamos aquí noutra ocasión. A igrexa conserva no seu interior varias imaxes do século XVI e unha pía bautismal do XIV. Son digna de mérito as capeliñas que se sitúan na cabeceira dalgúns sartegos do cemiterio parroquial, polo seu traballo de labra en pedra. Pola súa parte, o templo é de reducidas dimensións e ten unha fachada barroca rematada en espadana con dobre arcada peraltada que alberga as campás.
 

 

martes, 24 de decembro de 2013

HÓRREO EN QUINTELAS DE ABAIXO (DÚAS IGREXAS)

Este fermoso hórreo atópase en Quintelas de Abaixo, na parroquia de Dúas Igrexas. É curioso porque salva o desnivel existente no terreo a través de pés utilizados coma chanzos, de maior a menor, producindo un curioso efecto. Consérvase moi ben malia que se atopa nunha propiedade abandonada.

luns, 23 de decembro de 2013

ALVARIZA EN PRESQUEIRAS

Esta foto é de xa hai uns anos, polo que é posible que agora xa non se poida ver, comida pola maleza, esta alvariza que se vía dende a ponte nova da estrada que vai a San Marcos. Os lectores deste blog xa sabedes o que é unha alvariza, pois xa saiu nalgunha publicación anterior. Para os que non o saiban, cómpre dicir que eran edificacións para protexer as colmeas dos osos, que aínda andaban por estas terras a finais do século XIX.

domingo, 22 de decembro de 2013

CAMIÑO DA PONTE DE ANDÓN (ACIVEIRO)

Dúas novas vistas inéditas da Ponte de Andón. É un treito recuperado do vello camiño que levaba a Santiago e que era paso de peregrinos na Idade Media. O lousado foi reconstruído por un dos varios obradoiros municipais de emprego localizados no mosteiro de Aciveiro na pasada década. Hoxe pasan por alí a Ruta das Pontes do Lérez e o Roteiro do Candán.
 

 

martes, 17 de decembro de 2013

A PONTE DO CREGO OU DO FRADE (DÚAS IGREXAS)

É unha das tres pontes que atravesan o Lérez na parroquia de Dúas Igrexas, ademais da Ponte de Valiñas e da Ponte da Carballa. Na actualidade hai dúas pontes, pero aquí referímonos á máis antiga, que tampouco é a orixinal, senón a remodelación feita no século XVIII da primixenia, atribuída ó abade San Gonzalo das Penas de Aciveiro. Feita en perpiaño, posúe un só arco rebaixado que comeza no mesmo leito do río, duns oito metros de longo por dous e medio de ancho e catro de alto, e con varanda de cantería. Servía antigamente para que os veciños de Valiñas e Loureiro puideran chegar a pé enxoito ó núcleo central da parroquia, A Igrexa. O topónimo Frade provén do provenzal Fraire e do latín Fratre. Na Terra de Montes todos os topónimos vinculados ós  frades teñen que ver con actividades dos monxes de Aciveiro, coma Porto do Frade, na parroquia de Millarada. Ten dúas copliñas asociadas no folclore local: “A aldea de Loureiro / de lonxe parece vila / ten un caravel na entrada / e unha ponte na saída” “Aldeíña de Loureiro / aldea que todo o ten / o cruceiro, a ponte e o castro / e boas mozas tamén”. Está vinculada a ela unha lenda local que fala da ninfa Loureiriña, baixada do castro de Loureiro á ponte do Crego, onde se aparecía de cando en vez ós  viandantes.
 
 
 
 

luns, 16 de decembro de 2013

PONTE ROMÁNICA DE ANDÓN (ACIVEIRO)

É, xunto coa Ponte Gomaíl, a de máis beleza e grandiosidade no concello. Son as dúas, por outra parte, as únicas románicas. Atribúese a creación desta ponte ó abade Gonzalo das Penas, logo canonizado, a quen tamén se atribúe a Ponte do Crego ou do Frade na freguesía de Dúas Igrexas. Sitúase a poucos metros do lugar de Andón e érguese cun só arco, apuntado como corresponde ó tempo no que foi construída –primeira metade do século XV–, de oito metros de luz e cinco dende o leito do río. O ancho da calzada da ponte é de dous metros e medio por un longo de trinta metros. Fíxose de perpiaño nos basamentos, dovelas do arco e varandas, e o resto con lousa e anacos de cantería. Ten importancia tamén no mundo máxico como unha das poucas pontes sobre o Lérez escolleitas para os ritos hídricos, entre os cales destaca o do enxebramento, que equivalía no mundo das tradicións ó bautizo anticipado ou bautizo dos non-natos, cando se temía pola vida dos nascituri. Tamén se coñecía este ritual como “rito de quebra de sino”. No caso desta ponte aínda tiña maior predicamento por estar case a carón do mosteiro de Aciveiro e tamén por se dar a circunstancia de estar precedida no curso do río por sete muíños, cando o sete foi sempre un número crucial no mundo dos vellos ritos. Tamén servía, nese mundo máxico tradicional, para curar o mal de aire ou enganido dos rapaces que o padecían e mais o aire de cobra, lagarto e arañón, segundo recollido o etnólogo Fermín Bouza Brey. Está recollida con texto e imaxe na fermosa publicación “As Pontes do Lérez” de Antonio Rodríguez Fraiz e Agustín Portela Paz, editada pola Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia no ano 1987. A primeira fotografía é unha vista aérea, a segunda unha con néboa e a terceira unha de día claro de verán.
 


 

sábado, 14 de decembro de 2013

ALVARIZA EN PEREIRA


Onte situabamos a igrexa de San Bartolomeu de Pereira. Hoxe traemos aquí, da mesma parroquia, unha magnificamente conservada alvariza, a uns centos de metros da propia igrexa. Xa dixemos noutra ocasción que as alvarizas son edificacións que se usaron no pasado para que os osos, que aínda andaban pola nosa terra a finais do século XIX, non se achegasen ás colmeas. O mel da Terra de Montes era, e segue a ser, moi cotizado.
 
 

venres, 13 de decembro de 2013

IGREXA DE SAN BARTOLOMEU DE PEREIRA

A igrexa parroquial de Pereira, do século XVII, ofrece unha fachada barroca, semellante, salvando as diferenzas de tamaño, á da igrexa de Millarada. Está coroada por unha espadana cadrangular de tipo cisterciense e no seu interior aínda garda unha pía bautismal románica do século XIII, decorada con cruces latinas, flores de lis e figuras xeométricas. Consérvase tamén unha imaxe barroca da Virxe, do século XVII. No cemiterio anexo pódense ollar tallas dos mestres canteiros Manuel Villaverde Viéitez e Manuel López Barciela, os dous da veciña parroquia de Aciveiro.
 
 

xoves, 12 de decembro de 2013

PASOS NO RÍO LÉREZ (ENTRE FORCAREI E ESPINDO)

Estes pasos sobre o río están entre Forcarei e Espindo, na parte de río que se atopa entre a Ponte e Dúas Igrexas. Era moi socorrido, cando non era moita a distancia entre ribeiras ou non había cartos nin tempo para fabricar unha ponte, espallar estas pedras que daban orixe ós pasos, tan ben afincadas no leito do río que se manteñen anos e anos, mesmo despois de grandes enchentes.
 
 

mércores, 11 de decembro de 2013

2º ANUARIO CULTURAL DE FORCAREI-TERRA DE MONTES METACIOS

 
Xa colleu forma definitiva o Segundo anuario cultural de Forcarei - Terra de Montes METACIOS. Quedades todos convidados á súa presentación o vindeiro 21 de decembro ás sete da tarde (19:00 h.) no Bar Restaurante Victoria de Forcarei. Todos levaredes gratuitamente un exemplar. Que non falte ninguén.
 

 

martes, 10 de decembro de 2013

NEVEIRAS DE FIXÓ (MILLARADA)

Esta é un dos exemplos que aínda quedan das antigas fábricas de xeo que, no territorio municipal de Forcarei, pertencían ó mosteiro de Aciveiro, o Cabido de Santiago e a algún particular autorizado. Tamén se coñecen, tanto en Forcarei coma noutros lugares onde existían estes enxeños, como Neveiros. Constituíron unha das fontes máis saneadas de ingresos do cenobio aciveirense. Situábanse en zonas umbrías da Serra do Candán e doutros montes da comarca. Todos os mosteiros do Císter posuían neveiras, polo menos para o seu consumo. No caso de Aciveiro había un frecuente uso comercial que chegaba mesmo á Casa Real e que ocupaba a bastantes veciños da contorna nesta actividade de produción e transporte, non só ata as capitais provinciais do país galego senón ata a meseta. Segundo Rodríguez Fraiz, debido á falta de documentos non podemos fixar con exactitude nin o momento no que foron construídas nin o número exacto delas. Sábese que no ano 1682 tiña dúas neveiras da súa propiedade, pois así consta no Tumbo Grande.                                     Existían neveiras en Súapica, Fixó de Millarada, Fixó de Pardesoa e Lamasgalán. O caso das neveiras non é, nin moito menos, un caso illado no tempo nin no espazo, pois sábese que xa o home prehistórico amoreaba a carne procedente da caza en covas de xeo, do que se deduce que coñecía xa as propiedades do frío na conservación dos alimentos. Gregos e romanos aproveitaban tamén a neve das montañas amoreándoa nunhas foxas forradas de palla e ramas e cubertas con herba seca. Pero os que tiñan un método sorprendentemente similar ós que na nosa terra se utilizaba no Antigo Réxime foron, curiosamente, os chinos, que extraían os bloques acumulados durante o inverno e os envolvían en palla e forraxe para utilizalos, despois, no verán. O uso da neve estendeuse, deste xeito, polo mundo adiante para prolongar a vida da comida e enfriar a bebida, e popularizáronse os chamados pozos de xeo, unha especie de cavidades escuras e profundas onde se gardaba. Nos países fríos acostumaban a colleitar o xeo que se formaba durante os meses máis duros en lagos e encoros, e almacenábase en lugares apropiados ata o verán, cando se trasladaba para a súa venda en lugares de climas máis cálidos. En América, a recolleita comercial do xeo iniciouse a comezos do século XIX e, malia que é unha práctica que aínda segue vixente nalgunhas localidades, comezou a declinar a comezos do XX polo temor de que a auga do xeo así conservado contaminara os alimentos. Segundo Camilo Fernández Cortizo, o período en que máis se incrementa a produción das neveiras dáse a partir da segunda metade do século XVI, aventurando a posibilidade dunha relación cun cambio climático –en concreto a coñecida como pequena idade glacial–. Xérase unha actividade comercial sobre a produción de xeo que ten como clientes principais o clero, os nobres e os altos funcionarios. A explotación das neveiras requiría unha previa preparacion, que abranguía os reparos necesarios das neveiras, a limpeza dos pozos e do alpendre, a compra de palla, etc. Coas primeiras nevaradas iniciábase o “encerro” da neve despois de ter sido convocados os “colleiteiros”, que eran gratificados con cartos e con unha ou máis libras de tabaco. Carréxase a palla que se ía utilizar como illante, e tamén a leña para se quentar durante os labores de encerro, que durarían ó redor dunha semana. A xente que se recrutaba procedía na súa meirande parte das parroquias próximas (Millarada, Dúas Igrexas, Madanela, Ventoxo e Forcarei). Cifra Camilo Fernández Cortizo en 167 a media anual de traballadores que movía a produción de neve. O período de encerro da neve soía ir de primeiros de febreiro a comezos de xuño. Despois había que cortala, pois loxicamente endurecera, e extraela do pozo mediante unna polea. Logo era cargada en cabalerías ou en carros para ser levada ó seu punto de destino. Para protexer a mercancía e paliar a perda utilizábanse mantas de la, peles e palla. Con todo, as mermas eran importantes, dependendo das distancias e das condicións climatolóxicas. Soían significar entre o trinta e o cincuenta por cento do total. Para o ano 1633 temos datos indicativos de que a colleita de neve lle supuxo ó Cabido de Santiago 2.002 reais, dos cales 705 foron para pagar os portes. Os prezos da libra de neve en Santiago de Compostela pasaron de seis reais no ano 1619 a 14 no ano 1772. A nosa zona, Terra de Montes, pasa por ser a mediados do século XVIII a de maior concentración de neveiras de Galicia. A produción é avaliada a mediados do século XVIII en 1.387 cargas, das que 650 pertencerían ós dous pozos propiedade do Cabido de Santiago, 450 ó pozo do mosteiro de Aciveiro, 37 ó do mosteiro de San Martiño Pinario, 150 ó do colexio dos Xesuítas e 100 ó do particular don Gaspar Mosquera. No tema da orixes, especúlase que os pozos do mosteiro de Aciveiro serían de construción medieval, así como outros serían de factura posterior. O desinterese por seguir coa produción de neve, debido ás considerables perdas ocasionadas por distintos factores (decadencia do consumo, condicións climatolóxicas, etc) comeza a finais do século XVIII.


MUÍÑO NO COTIÑO (ACIVEIRO)

Este é un dos exemplares de muíño hidráulico que aínda moía non hai moitos anos. Está preto da Ponte das Brañas e non moi afastado do lugar do Cotiño. Nel rodouse parte do docudrama "Amelia de Terra de Montes" do naturalista pontevedrés Federico de la Peña. Pódese ollar dende a ruta das Pontes do Lérez, precisamente dende onde foi tirada esta foto.
 
 

luns, 9 de decembro de 2013

IGREXA DE SAN MIGUEL DE PRESQUEIRAS

Esta é a igrexa de San Miguel de Presqueiras, pequena, fermosa, sobria. No cemiterio anexo atópase o sartego do pintor Virxilio Blanco, un dos grandes da vangarda do século XX.
 
 
 
 

domingo, 8 de decembro de 2013

IGREXA DE SAN XOÁN DE MEAVÍA (SOANE)

Esta é a igrexa parroquial de San Xoán de Meavía, de planta de salón e cuberta a dúas augas (contravindo a norma xeral nos templos de Forcarei, que son de cruz latina). Conserva, da primitiva igrexa, unha cruz antefixa e un cruceiro do século XVIII.



xoves, 5 de decembro de 2013

RÍO LÉREZ SILANDEIRO E SOMBRIZO

E de novo o río Lérez a carrexar esperanzas cara ó mar, aquí nun quedo salón, imaxe clara do acougo da natureza. As sombras semellan sombra das almas desacougadas e a cúpula de carballos e amieiros irmanda as augas co ceo.
 
 

LAGAR DE CERA NA CASANOVA (FORCAREI)

Este é o único lagar de cera que se conserva da pasada época en que Forcarei foi coñecido como A Borreira, por un oficio (mellor dito, dous) que se dedicaba á elaboración dos produtos das colmeas: a cera e o mel. Un oficio era o de cereiro propiamente dito, e outro era o de borreiro, o que recolectaba e castraba as colmeas para tirarlle eses produtos. Este consérvase na Casanova, onde aínda hoxe existe fábrica de candeas, cirios e exvotos de cera.

mércores, 4 de decembro de 2013

ESTATUA-HOMENAXE Á MULLER LABREGA EN FORCAREI

A estatua-homenaxe á muller labrega atópase na entrada sur da vila de Forcarei. Foi idea da Asociación de Amigos da Terra de Montes, que propuxo unha tetraloxía de esculturas para cada núcleo importante da Terra de Montes. Así, en Cerdedo promoveu o MONUMENTO Ó CANTEIRO, en Soutelo de Montes o MAPA EN PEDRA DA TERRA DE MONTES, en Beariz o MONUMENTO Ó EMIGRANTE e en Forcarei este que nos ocupa. Foi realizada polo escultor Magín Picallo por encargo do Concello de Forcarei, e inaugurouse no ano 2003, coa remodelación do acceso sur a Forcarei dende a estrada Silleda-Folgoso. A muller labrega merece todas as homenaxes que se lle poidan facer, porque foi nai e pai a un tempo nos días da emigración masiva, que por desgraza están volvendo.


martes, 3 de decembro de 2013

INTERIOR DE MUÍÑO EN ACIVEIRO

Este é o ben conservado interior dun muíño de Aciveiro na Ruta das Pontes do Lérez. A foto é de hai uns dez anos, polo tanto non sei se seguirá igual, pero daquela estaba practicamente coma cando se utilizaba. E non é doado atopalos así, porque as pezas de madeira son pouco resistentes ó paso do tempo.

luns, 2 de decembro de 2013

GROBAS, UNHA LENDA NO MEDIO DA SERRA


Grobas é unha aldea abandonada que, como tal, esperta un gran interese etnográfico e antropolóxico, alén da súa carballeira derramada nas abas do Candán e o seu vedraño camiño lousado cara a Bustelos. Historicamente, foi lugar de acubillo de partidas carlistas e de guerrilleiros antifranquistas como o popular Foucellas. En tempos houbo explotacións de minas de volframio. O topónimo pertence á parroquia de Millarada, na que aparecen outros dous topónimos menores similares, Regueiro das Grobas e Costa das Grobas. É apelativo de moitos lugares e montes de Galicia onde existen valgadas ou depresións que propiciaron o vocábulo galego Groba, do gótico homógrafo Groba, “fondal, depresión”. Desta orixe tamén é o topónimo As Encrobas. É un lugar cunha fonda nostalxia que evoca outra vida, anterior e vinculada coa terra coma ningunha.



venres, 29 de novembro de 2013

CAPELA DO SANTO ANTONIO DE GARELLAS (MILLARADA)

Esta capela, que se atopa na carballeira de Garellas, data do ano 1668. Desa época data a meirande parte das igrexas parroquiais de Forcarei. Esta capeliña é unha das que mellor se conservan de todo o patrimonio que representa a arquitectura relixiosa do concello.




xoves, 28 de novembro de 2013

SEGUNDA ESTATUA NA HONRA DE AVELINO CACHAFEIRO EN SOUTELO DE MONTES

Esta segunda estatua conmemorativa da memoria de Avelino Cachafeiro (a outra era en compañía dos seus irmáns e pai no cuarteto da Praza dos Gaiteiros), esculpiuna o artista de Mos Marcos Escudero e foi inaugurada polo entón alcalde de Forcarei, David Raposeiras, en agosto do ano 2011. Sitúase na entrada do auditorio de Soutelo de Montes. Nesta foto, recortada contra as nubes, aparece de espaldas a garrida silueta do máis afamado gaiteiro da nosa historia.



ESTATUA DOS GAITEIROS EN SOUTELO DE MONTES

Esta estatua na honra do célebre cuarteto dos Gaiteiros de Soutelo foi esculpida polo artista uxiense (de Hío) Xoán Piñeiro Nogueira, por encargo dos emigrados de Forcarei e Soutelo en Venezuela. Foi inaugurada o mesmo día que se comezou a celebrar a Festa do Gaiteiro, agora interrompida, o 25 de outubro de 1980, acto ó que acudiu o presidente da Xunta preautonómica, José Quiroga Suárez e o entón conselleiro de Cultura, José Filgueira Valverde, ademais doutras autoridades entre as que se atopaba o alcalde de Forcarei, daquela Manuel Brea Porto. Na foto de abaixo pódese ver a grande concorrencia que orixinou o acto na Praza dos Gaiteiros de Soutelo.
 
 
 
 
 
 
 
 

mércores, 27 de novembro de 2013

MUÍÑO DE CUBO NA MÁMOA (CASTRELO)


Este muíño, cuxa tipoloxía é coñecida como "de cubo", está preto da Mámoa (Castrelo). Xa non funciona, pero segue sendo un raro exemplo desta clase de enxeños hidráulicos. Eu só coñezo outro exemplar en Forcarei, na parroquia de Aciveiro. A tipicidade destes muíños radicaba en que se servía da canalización da auga a través da parte superior, é dicir, a canle estaba máis arriba cá propia edificación do muíño. Son raros e son orixinais.
 

FONTE DO MOSTEIRO DE ACIVEIRO

A fonte do mosteiro de Aciveiro é un exemplo digno de admiración da destreza que tiñan os nosos canteiros á hora de aparellar as pedras. Sinxela, sen demasiado adorno, ofrece porén un aspecto de señorío e de solemnidade evidentes malia a súa austeridade. A condución da auga viña dun manancial que aínda existe hoxe a uns trescentos metros. A distancia salvábase por unha perfecta canle de pedra que a levaba dende o manancial ó mosteiro.
 

martes, 26 de novembro de 2013

OBRA TALLADA NO CEMITERIO DE QUINTILLÁN


Este panel pétreo que podemos ver na fotografía localízase no cemiterio de Quintillán. É obra do talento dos nosos mestres canteiros e talladores. Recortado contra o ceo, dá mostra do valor das obras de arte anónimas e ateigadas de habelencia co escoupro e co cicel.
 

luns, 25 de novembro de 2013

CAPELA DE NOSA SEÑORA DO CASTRO (SAN MIGUEL DE PRESQUEIRAS)

 
A capela de Nosa Señora do Castro foi erguida no século XVI, de fachada barroca, con fórnice na fachada que contén a imaxe da Virxe, rematando en típica espadana. Foi obra dos mestres Pedro de Arén, Xosé Nieto e Domingo Antonio Sieiro. Ten un pequeño altar plateresco de factura popular. Conserva tamén unha imaxe de madeira da Virxe do Castro, de estilo gótico, polícroma e duns cincuenta centímetros de altura. Esta capela é dous poucos restos en pé da antiga torre-fortaleza dos xuíces meiriños da Terra de Montes.
 
 




venres, 22 de novembro de 2013

COVIÑAS OU CAZOLETAS PRETO DA MÁMOA (CASTRELO)

As coviñas, chamadas tamén cazoletas ógmicas, son  redondeis de orixe prehistórica que aparecen nas pedras. Na mitoloxía popular atribúense ós Celtas e hai quen supón que é algún tipo de escritura que non se puido descifrar. Tamén se poderían ter usado para depositar nelas sangue ou vísceras de defuntos, porque suporían que por alí pasaba Ra montado na súa barca e levaba consigo as almas. Seguramente as dúas cousas serían posibles, porque hai redondeis máis grandes e outros de menor tamaño, e é evidente que se os orificios son pouco profundos, dificilmente puideron conter nada. Estas están preto da Eira dos Mouros, no lugar da Mámoa (Castrelo)
 
 

xoves, 21 de novembro de 2013

FREIXA DO COTELO (A PONTE - FORCAREI)

Dúas estacións en senllas fotografías, ateigadas de memoria, na freixa do muíño dos Chamosa. Un río manso que vén de discorrer en liña recta durante uns cento cincuenta metros para chegar á paraxe do Cotelo, remanso de paz.


mércores, 20 de novembro de 2013

CONGOSTRA EN LERCE (CASTRELO)

Esta congostra está en Lerce, na baixada dende a aldea ata o río Lérez. Forma parte dunha antiga verea que se atopa en malas condicións, pero que aínda así loce unha fermosa vista porque a paraxe, coa vexetación tan mesta, dálle un aire misterioso e nostálxico.
 
 

CASTRO DE LOUREIRO (DÚAS IGREXAS)

O chamado Coto do Castro é un dos xacementos arqueolóxicos máis interesantes de Forcarei. Está en Loureiro (Dúas Igrexas) e presenta unha forma perfecta para escavar, similar ó célebre castro de Viladonga en Lugo. O Castro de Loureiro é un xacemento datado aproximadamente no século VI a. C. (período Castrexo I segundo a clasificación de Maluquer de Motes), na transición entre a Idade do Bronce e a Idade de Ferro, cun recinto amurallado e cun complexo sistema de foxo-parapeto-foxo cara o NE. O seu foxo oscila entre os 13,5 metros (Oeste) e os 5-6 metros (Leste). Este castro pasa por ser o máis fecundo no que se refire á tradición oral de toda Galicia. Se acudimos ó arqueólogo Buenaventura Aparicio, que recolleu multitude de lendas vinculadas ós  castros e ás mámoas, obtemos varias interpretacións, en torno ó medio centenar, sobre este rico xacemento arqueolóxico, quizais o máis relevante de Forcarei e da Terra de Montes.
 

martes, 19 de novembro de 2013

IGREXA DE SANTA MARIÑA DE CASTRELO

A  igrexa de Santa Mariña de Castrelo é de mediano tamaño en relación con todas as demais da Terra de Montes. Non é das grandes, coma Forcarei ou Millarada, nin das que tan só semellan capelas, coma Pereira ou Ventoxo. Foi construída a finais do século XVI, cunha posterior restauración no ano 1752 efectuada polo canteiro Manuel Cadavid e o carpinteiro Salvador Lorenzo, ambos nativos da propia parroquia. É unha igrexa regular nas súas proporcións, de planta de cruz latina e presbiterio rectangular, con dúas capelas que abren senllos arcos formeiros, historiados e de medio punto, rematando a fachada en esvelta espadana de dous corpos. No cemiterio anexo á igrexa pódense ollar obras talladas por un dos mellores canteiros da Terra de Montes, Manuel López Barciela, nacido no Cotiño (Aciveiro) en 1868, así como sartegos de prodixiosa factura doutro bo artesán da pedra, Francisco Villaverde, mestre de cantería tamén nacido en Aciveiro no segundo terzo do século XVIII.


luns, 18 de novembro de 2013

IMAXE TALLADA DA VIRXE NA IGREXA DE MILLARADA

Esta imaxe do Corazón de María entre dúas columnas salomónicas e arco rebaixado ou escarzano, que se pode ollar fronte á ábsida da igrexa de San Amedio de Millarada, foi tallada polo escultor Manuel Doval Cadavid. É unha magnífica mostra da habelencia e destreza coa que traballaban os canteiros da Terra de Montes.
 
 

MUÍÑO DE BUGALLO NA PONTE (FORCAREI)

Esta paraxe, co muíño de Bugallo no centro, ten algo de máxico e nostálxico. A liña de vexetación marca os dominios do Lérez pouco antes de chegar ó Cotelo, e a herba medrada pon tamén da súa parte para embelecer o conxunto. Foi sacada no verán de 2003. Atópase entre a Ponte Maril e o muíño do Cotelo.

venres, 15 de novembro de 2013

OUTRA VOLTA NA PONTE VELLA DE ANDÓN (ACIVEIRO)

 
A vella Ponte de Andón pertence ó Románico tardío que se espallou pola nosta terra no século XV. Esta fotografía está tomada dende o centro da ponte, e deixa contemplar unha fermosa paraxe de prados, bidueiros e salgueiros por onde transcorren dúas rutas de sendeirismo que se cruzan: a ruta das Pontes do Lérez e a ruta do Candán. Paga a pena facer calquera das dúas ou as dúas cando se teña tempo. Dá gloria ver algunhas paisaxes ó longo do percorrido de calquera delas. Só por esta imaxe da Ponte de Andón xa pagaría a pena. 
 
 

xoves, 14 de novembro de 2013

ESTATUA DE HOMENAXE Ó GAITEIRO DE SOUTELO

Esta é a escultura de homenaxe a Avelino Cachafeiro que se localiza á entrada do Auditorio de Soutelo de Montes, obra do escultor Marcos Escudero, de Nigrán. Foi inaugurada polo alcalde David Raposeiras en agosto do ano 2011 (un dos seus últimos actos públicos, por desgraza)


mércores, 13 de novembro de 2013

RESTOS DO VREEIRO DO RIBEIRO A COMPOSTELA

Hais uns anos podíase ver, nunha parte da baixada á Ponte Gomaíl, restos do antigo Vreeiro que utilizaban os arrieiros do viño dende o Ribeiro ata Compostela. Hoxe xa non, pero polo menos déixovos que olledes esta fotografía onde aínda se poden apreciar as lousas en chapacuña conformando a vía.

INSCULTURA RUPESTRE NO MONTE PENIDE (DÚAS IGREXAS)

Esta inscultura é, moi probablemente, de orixe medieval, non máis antiga como se podería pensar. Foi fotografada por María José Troitiño López, de Quintelas de Arriba, que tamén confeccionou un traballo sobre ela para a revista Cotaredo nº 13, do ano 2010. Sitúase moi preto da estrada que vai a Silleda ó seu paso pola parroquia de Dúas Igrexas.
 
 
 
 

martes, 12 de novembro de 2013

RUTA DAS PONTES DO LÉREZ

A Ruta das Pontes do Lérez foi deseñada sobre o texto do libriño As Pontes do Lérez, de Antonio Rodríguez Fraiz e Agustín Portela Paz. Ten treitos dunha fermosura incomparable, coma este que discorre ó pé do Lérez na paraxe de Ponte Maril, á carón do campamento do mesmo nome.

luns, 11 de novembro de 2013

PONTE DAS BRAÑAS EN ACIVEIRO

As pontes son noivas do Lérez, unhas maiores e outras case pontellas, coma esta das Brañas, entre O Andón e O Forno, nunha paraxe fermosa onde tamén se poden ver uns pasos no río e varios muíños. Paga a pena visitala.